Eixe Atlántico
Galicia de Norte a Sur
Galicia de Norte a Sur
O Eixe Atlántico discorre de norte a sur polo litoral atlántico galego entre Ferrol e a fronteira portuguesa ao longo de 241 quilómetros, comunicando cinco das sete maiores cidades galegas. Esta infraestrutura está comunicada coa nova conexión Madrid - Galicia á altura de Santiago de Compostela.
Todo o trazado do Eixe Atlántico entre Vigo e A Coruña, cunha lonxitude total de 155,6 km, está xa en servizo comercial, o que reverte en importantes aforros nos tempos de viaxe en todas as relacións, ao tempo que aumenta o confort ao establecerse unhas condicións óptimas de rodaxe e trazado.
A distancia entre Vigo e A Coruña recortouse en 21,8 km. En decembro de 2009 entrou en servizo o traxecto para trens de tracción diésel entre Santiago e A Coruña (61,7 km). Posteriormente, este tramo electrificouse e quedou conectado e integrado, en decembro de 2011, coa nova relación Ourense – Santiago – A Coruña.
Financiamento Europeo
"Un xeito de facer Europa"
Estacións
A estación, que ten unha superficie de 1.330 m2, alberga os servizos necesarios para o viaxeiro, cafetería e locais comerciais, e o acceso á pasarela de embarque e plataformas definitivas.
En todo o Eixe combínanse estacións reformadas con outras de nova construción:
- A Coruña - Reformada
- Uxes -Reformada
- Cerceda-Meirama - Nova construción
- Ordes - Nova construción
- Santiago de Compostela - Reformada
- Padrón-Barbanza - Nova construción
- Vilagarcía de Arousa - Reformada
- Pontevedra - Reformada
- Arcade Apeadoiro: reformado
- Redondela Alta Velocidade - Nova construción
- Vigo-Urzáiz - Nova construción
Infraestruturas
O trazado antigo da liña convencional, en vía única sen electrificar, non permitía velocidades elevadas. O proxecto consistiu en realizar unha mellora integral da liña previamente existente e implantar unha dobre vía electrificada.
Como singularidade, en primeiro lugar construíuse a plataforma sen electrificar e en ancho ibérico (1.668 mm), con travesas polivalentes. Este tipo de ancho permite, por exemplo, o acceso dos trens de mercadorías aos portos galegos.
Os diferentes tramos puxéronse en servizo a medida que foron rematando as obras e foron recorridos por trens diésel a 160 km/h.Con posterioridade, produciuse a electrificación, pasando entón a velocidade máxima posible de 160 km/h a 250 km/h.
A última fase prevista será a adaptación de todo o Eixe ao ancho UIC (1.435 mm).
O Eixe Atlántico constrúese nunha contorna de gran dificultade orográfica e zonas densamente poboadas.
Así, o tramo A Coruña-Vigo conta con 37 túneles, que suman unha lonxitude global de 59,2 km, un 38 % do percorrido total. No tramo Vigo-Santiago hai outros 24 túneles, cunha lonxitude total de 39,7 km (o 33% do total).
Así mesmo, a liña ten 32 viadutos que suman unha lonxitude de 14,9 km (9,5% da lonxitude total). O tramo Vigo-Santiago conta con 24 viadutos, con 12,2 km de lonxitude (un 13 % do total). O máis longo é o do Sar (2.4111 m), pero seguramente o máis emblemático é o do Ulla (1.620 m), que ostenta un récord mundial de luz (anchura entre piares) para pontes ferroviarias metálicas, cos seus 240 m., superando os 208 m da ponte de Nautenbach (Alemaña).
Este viaduto, de 1.621,5 metros, salva o río Ulla preto da súa desembocadura.Ten 11 piares que sustentan a estrutura metálica, situada a 60 metros de altura sobre o leito fluvial. A complexidade da estrutura metálica do taboleiro, con máis de 20.000 toneladas de aceiro e pezas de ata 17,5 m de canto, requiriron o desenvolvemento dun sistema de control de execución pioneiro ata entón en España. Este viaduto foi galardoado co premio "San Telmo 2015" e como finalista do premio Outstanding Structure Award 2016, outorgado pola Association for Bridge and Structural Engineering (IABSE).