Liña Madrid-Galicia

Actuacións levadas a cabo na liña

Os trazados ferroviarios galegos sempre estiveron condicionados por un accidentado relevo que dificultou as comunicacións ferroviarias co centro peninsular.

O novo acceso a Galicia arranca na bifurcación da Liña Madrid-Valladolid en Olmedo e remata en Santiago de Compostela, onde enlaza co Eixo Atlántico galego. É un novo percorrido de 434,86 km de lonxitude.

Tramo Olmedo-Zamora. 99 km. En servizo.

Este tramo de alta velocidade, inscrito na LAV Madrid-Galicia, parte da LAV Madrid-Segovia-Valladolid, á altura de Olmedo. Ten unha lonxitude total de 99 km en ancho estándar ou UIC (1435 mm) e está deseñado para circulacións de ata 350 km/h. Dispón de electrificación 2x25 kV 50 Hz en corrente alterna, sistemas de control de tráfico ERTMS e Asfa e sistema de comunicacións móbiles GSM-R.

 

O trazado inclúe 15 viadutos, dúas pérgolas, os PAET de Medina e Toro (Zamora), unha nova estación en Medina del Campo e a adaptación da xa existente en Zamora.

Entre os puntos singulares do trazado destacan os viadutos sobre o río Trabancos (874 m), regato Pitanza (820 m) e río Douro (620 m).

Tramo Zamora-Lubián. 139,1 km. En servizo.

O seguinte tramo, Zamora - Lubián é o máis longo da liña e discorre desde o centro ata o estremo noroeste da provincia de Zamora, nun novo trazado independente da liña convencional Zamora-A Coruña e ao leste desta. Tras salvar o encoro de Ricobayo discorre por terreos chairos a carón da serra da Culebra. O terreo vólvese máis abrupto na contorna de Puebla de Sanabria, cun trazado a media ladeira que obrigará a construír pequenos túneles ata enfrontarse coa Portilla del Padornelo, que dá acceso ao val de Lubián, xa lindando con Galicia.

Adaptación da estación de Zamora

As actuacións realizadas por Adif Alta Velocidad na estación de Zamora incluíron traballos de plataforma para vía dobre ao longo de 2880 m de lonxitude na zona da propia terminal e efectuado unha reordenación completa da praia de vías, coexistindo as vías de alta velocidade e as correspondentes á liña de ancho convencional Medina-Zamora-A Coruña.

Tamén se construíron tres plataformas con pasos inferiores e marquesiñas, unha nave de mantemento e un novo encrave electrónico de rede convencional, así como a instalación de ascensores, sistemas de información e iluminación.

Como parte da integración da alta velocidade na cidade de Zamora, atópanse ademais as obras correspondentes á adaptación e remodelación do edificio da estación

Tramo Lubián - Ourense. 101,7 km. En construción.

Este tramo supón a entrada da liña en Galicia.Cruza transversalmente a provincia de Ourense desde o límite con Zamora, no sueste, cun trazado que transita pola localidade de A Gudiña e se dirixe ao norte da autoestrada A-52 ata a capital provincial.

É o tramo máis complexo de toda a liña desde o punto de vista orográfico e xeotécnico. Por este motivo, nun principio non se contemplaba vía dobre en todo o traxecto, senón que se utilizaba o actual túnel de Padornelo en vía única. Posteriormente, o Ministerio de Fomento reformou os proxectos iniciais no sentido de construír un novo túnel de Padornelo pola dereita, en sentido Galicia, deixando o túnel actual para a outra vía.

A complicada orografía da zona e a premisa de conseguir uns parámetros propios de alta velocidade obrigan a que gran parte do trazado descorra por túnel ata o seu destino final, a estación de Ourense-Empalme. Esta estación está chamada a ser un estratéxico nó de alta velocidade, xa que será a orixe e destino non só do tramo a Santiago, senón tamén dos que se dirixirán a Lugo, por un lado, e a Pontevedra e Vigo, polo outro, dúas actuacións básicas para estender a alta velocidade en Galicia.

Tramo Ourense - Santiago. 87,1 km, En servizo.

O cuarto tramo é o primeiro da liña posto en servizo, o 10 de decembro de 2011, ao tempo que se estendía o servizo ata A Coruña, despois de executar Adif a electrificación do tramo Santiago – A Coruña. 

 

As obras de construción de plataforma iniciáronse en 2004. O percorrido atravesa as provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña en dirección noroeste, seguindo o corredor da A-53, ata enlazar co Eixe Atlántico preto de Santiago de Compostela.

Xunto co tramo anterior, é a parte máis complicada de todo o traxecto.Para salvar a difícil orografía da zona e reducir o impacto medioambiental foi necesario construír un total de 38 viadutos e 31 túneles, o que supón máis do 57 % da lonxitude total de todo o tramo.

Con respecto á liña convencional, acurta a distancia actual entre Ourense e Santiago en 38,9 km.

Un aspecto moi importante deste tramo é o respecto ás zonas medioambientalmente valiosas que atravesou, adoptándose medidas de protección, recuperación e protección ao patrimonio que nalgunhas zonas chegaron a superar o 33 % do orzamento da obra.

Tramo Santiago - A Coruña, 65,1 km. En servizo.

Este tramo pertence ao Eixe Atlántico, que discorre de norte a sur pola fachada atlántica, entre Ferrol e Portugal, ao longo de 238 quilómetros.

A liña previa existente foi obxecto dunha mellora integral, mediante duplicacións de vía, variantes de trazado e electrificación do traxecto entre as dúas cidades. O 37,4 % do tramo está constituído por estruturas singulares, en concreto 17 túneles (20,2 km) e 10 viadutos (2,8 km).

O 10 de decembro de 2011 inaugurouse a nova conexión entre Ourense, Santiago e A Coruña.