Liña Madrid - Galicia

Eixe Ourense - Santiago

O Eixe Ourense-Santiago forma parte do denominado Corredor Ferroviario Norte-Noroeste, que permitirá a conexión do Noroeste co Centro e o Norte peninsular a través do Eixe Madrid-Segovia-Valladolid.

TRAMO OURENSE - SANTIAGO DE COMPOSTELA - A CORUÑA

Conecta en Santiago co Eixe Atlántico (Ferrol-A Coruña-Santiago-Pontevedra-Vigo-Fronteira Portuguesa), tamén en construción. A finalización das obras de mellora integral e electrificación no tramo do Eixe Atlántico entre Santiago e A Coruña, cunha lonxitude de 62 km, favoreceu a entrada en servizo, o 10 de decembro de 2011, da nova conexión entre Ourense e A Coruña, de 150 km de lonxitude.

INVESTIMENTO

O investimento total estimado das obras do tramo Ourense-Santiago (plataforma, vía e instalacións) ascende a 2547 millóns de euros. Sumando os investimentos do tramo entre Santiago e A Coruña, o Goberno de España destinou máis de 3300 millóns á súa construción.

CARACTERÍSTICAS DO TRAZADO

A ruta de 87,5 km foi deseñada cos máis altos parámetros de calidade para dobre vía electrificada de ancho internacional UIC (1435 mm), aínda que, nunha primeira etapa, optouse por instalar vía de ancho ibérico (1668 mm) con travesa polivalente, evitando que o Eixe quede illado ata que entre en servizo a liña de alta velocidade Madrid - Galicia, entre Olmedo/Medina del Campo e Ourense. Con esta solución, non é necesario construír novos cambiadores de ancho nin instalar un terceiro carril na liña Santiago - A Coruña.

A nova liña incorporará os máis avanzados sistemas de sinalización e seguridade ferroviaria.

Trátase dunha liña de gran complexidade construtiva pola accidentada orografía que atravesa.Para salvala foi necesaria a construción de 31 túneles, que suman 29,3 km baixo terra, e 38 viadutos, que totalizan 20,4 km de lonxitude.Máis do 57 % de todo o percorrido discorre por túneles ou viadutos.

Parágrafo de tipo destacado
  • 38 viadutos ao longo de 20,4 km
  • 31 túneles ao longo de 29,3 km
OBRAS SINGULARES NO TRAMO OURENSE-LALÍN

Viadutos

Entre os viadutos, destacan pola súa lonxitude o Viaduto sobre o río Arenteiro (1444 m), Viñao (1357 m) e Deza 1 (913 m).

En canto á altura, o Viaduto sobre o río Barbantiño ten a altura de pila máis alta en 97,9 m.

Túneles

Nesta zona do trazado atópanse os túneles de maior lonxitude, entre os que destaca, por ser o máis longo do Eixe Ourense- Santiago, o túnel da Burata, con 4068 m de lonxitude.Este túnel conta, ademais, cunha galería paralela, de sección inferior e conectada ao túnel principal cada 250 metros, pola que poden acceder vehículos tanto para operacións de mantemento como de emerxencia.

Outros túneles significativos son:o túnel de Outeiro (2866 m), Piteira (2135 m), San Fiz (2135 m), Mundín (1112 m) e Barro (1494 m).

 

 

 

OBRAS SINGULARES NO TRAMO LALÍN-SANTIAGO

Viadutos

No Tramo Lalín-Santiago atopamos varios viadutos singulares, entre os que cabería destacar pola súa tipoloxía o Viaduto Rego das Lamas (287 m) co seu arco superior atirantado no cruce coa autopista AP-53.

O viaduto sobre o río Deza (1175 m) e o viaduto de O Eixo (1224,4 m) teñen arcos centrais que foron construídos polo procedemento de abatemento dos semiarcos, cunha altura de 96 e 84 m respectivamente.

O viaduto do río Sáramo (1465 m) é o de maior lonxitude de toda a liña.

Por último, hai que facer mención ao viaduto do Ulla, que foi merecedor do Premio San Telmo 2011, concedido polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia á mellor obra de enxeñería civil executada na comunidade galega. Tamén recibiu o premio á mellor realización de Obra Civil da Asociación Científico-Técnica do Formigón Estrutural (ACHE).

O viaduto ten unha lonxitude de 630 m, altura máxima de pila de 116,9 m e un gran arco central de 168 m de luz, o cal se construíu empregando dous carros de avance en voladizo, o que marca a auténtica dificultade do proxecto construtivo desta obra civil. 

As súas dimensións fan que o viaduto sobre o río Ulla sexa o máis alto de España, tanto en altura de pilas como na frecha do arco central (104,4 m).

A tipoloxía do viaduto foi adoptada para salvagardar o sistema fluvial Ulla-Deza e así cumprir as esixencias da Declaración de Impacto Ambiental.

Outros viadutos importantes desta parte do percorrido son os seguintes:Martixe (974 m), Covas (975,2 m) e Besteiros (730 m).

 

Túneles

No tramo Lalín-Santiago executáronse un total de 19 túneles.

Os túneles máis longos son o túnel de Carboeiro (1420 m), Vilar do Xesta (1215 m), Marrozos (1158 m), Vila de Cruces (890 m), O Curro (840 m), Agro (820 m) e o túnel de A Pena (810 m).

ACTUACIÓNS MEDIOAMBIENTAIS E DE PROTECCIÓN DO PATRIMONIO

Parte do orzamento de construción das liñas destínase a garantir a súa integración ambiental, asegurando o cumprimento das Declaracións de Impacto Ambiental (DIA) e realizando melloras na contorna de forma voluntaria.

Nalgúns puntos da liña Ourense-Santiago, as actuacións medioambientais supuxeron ata o 33 % do orzamento, concretamente no Subtramo Lalín (Anzo)-Lalín (Baxán). 

Entre as medidas tomadas destacan a protección do ecosistema dos ríos, a flora e a fauna do espazo polo que discorre o corredor ferroviario, así como minimizar o impacto paisaxístico, sonoro e visual.

Deste xeito, contémplase a plantación de preto de 160.000 árbores, así como 2,9 millóns de metros cadrados de hidrosementeira e 647.000 m2 de sementeira. A protección contra o ruído lograrase mediante a colocación de 13.165 m2 de pantalla acústica e 640 m lineais de pantallas arbóreas. Así mesmo, habilitáronse máis de 20 pasos de fauna a distinto nivel, así como 134 mecanismos de escape para a fauna que puidese penetrar no cerramento da plataforma.

Por outra parte, traballouse en estreita colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para garantir a conservación do patrimonio arqueolóxico afectado pola construción da nova conexión ferroviaria.Con esta fin leváronse a cabo sondaxes e seguimentos arqueolóxicos, protección e catalogación de novos elementos, intervencións e escavacións arqueolóxicas.

Ao longo do trazado foi preciso ter en conta a existencia de elementos de recoñecido valor cultural como o hórreo de Carboeiro, o muíño de Reguengo ou o xacemento Castriño de Bendoiro.Ademais, trasladouse e púxose en valor o “Cruceiro de Pazos” e escavouse e púxose en valor a “Mámoa de Cousa Nova”.

Do mesmo xeito, no deseño de determinadas estruturas tívose en conta a presenza de elementos catalogados como patrimonio cultural, tal e como se fixo no viaduto sobre o río Portos, pola súa proximidade con “Ponte Ceballos”, ou o hórreo inventariado nas proximidades do viaduto do Sáramo.